Móvenos pertencer a unha economía social e solidaria cuxos principios son a equidade, o traballo xusto, a cooperación, a sostibilidade ecolóxica e un forte compromiso coa contorna.

Tomamos como punto de partida que Alalá ten na súa esencia traballar antepoñendo os dereitos e as necesidades humanas e do planeta terra; por este motivo, formamos parte da Economía social e solidaria que camiña cara outros futuros posibles.

Unímonos aos principios da Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REAS gz):

Sostibilidade Ecolóxica
Practicamos o ECOFEMINISMO como filosofía e práctica vital, na que mediante talleres e formacións traballamos o decrecer como medida sostible para o presente que temos e o futuro que virá, a través da promoción de proxectos de agroecoloxía e soberanía alimentaria como estratexia de cambio social e alimentario que impacte favorablemente na vida das localidades.
Equidade
Cremos e practicamos a equidade. Contemplámonos como persoas individuais que actúan persoal e profesionalmente nun contexto común, polo beneficio común da cooperativa e da comunidade. Isto implica que todas temos as mesmas oportunidades, compromiso e reparto equitativo das tarefas.
Tamén estamos nunha constante reformulación e transformación do como nos relacionamos, primando o apoio mútuo, a resolución de conflitos de forma asertiva e amable de xeito que facilite a corresponsabilidade.

 

Traballo Xusto
Temos presentes, dende a nosa filosofía e esencia empresarial, as dimensións humanas, políticas, sociais, económicas e ambientais do traballo. Isto implica fixarnos salarios igualitarios e, á súa vez, participar e fomentar unha adquisición de bens e produtos dende un consumo responsable, a través da adquisición de produtos sostibles e en condicións laborais xustas.
Cooperación
Promovemos e practicamos un modelo social baseado na intercooperación, no intercambio de saberes e no fortalecemento do tecido social que aposta por un mundo non competitivo nin individualista.
Sostibilidade económica
Somos sen ánimo de lucro porque cremos na redistribución da riqueza que xeramos.
Cremos na transparencia e na xestión democrática. Cremos e apoiamos os financiamentos éticos comprometidos en pór no centro ás persoas e á natureza.
Crecer en colectivo e non en individualidade: todo isto vese reflectido en que os nosos excedentes, as vendas destinadas á recadación de fondos e as colaboracións van destinadas a levar a cabo proxectos sociais na comunidade.

 

Compromiso coa contorna
Potenciamos unha transformación ecosocial en colectivo. Coidamos e fortalecemos os vínculos de traballo con outras entidades afíns aos nosos valores.
As alianzas que afianzamos teñen carácter feminista, antirracista, decolonial e san para a natureza.